O Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo é unha actividade divulgativa promovida e organizada polo Grupo XuvenCiencia Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía da USC, formado por profesorado de diferentes áreas e centros do Campus Terra de Lugo.
Datas
XuvenCiencia desenvolverase do 1 ao 5 de xullo 2019 no Campus Universitario de Lugo. Con programa científico de día, actividades lúdicas de tarde e noite e o aloxamento. Entrada o domingo 30 de xuño, desde ás 18:00 h ata ás 21:00 h. Saída o sábado 6 de xullo, desde as 09:00 h ata as 10:30 h.
Quen pode participar?
O alumnado de 4º ESO e 1º BAC (ata 2º BAC para os veteranos).
Temos un programa especial para o alumnado que quere repetir (veteranos).
Finalidade.
Que coñezas a Ciencia e a Tecnoloxía de primeira man.
Fomentar o teu interese polas titulacións científicas, técnicas e sociais.
Facilitarche información para que poidas elixir mellor.
E, sobre todo, que fagas novas amizades e que o pases ben!
En que consiste?
Polas mañás faredes actividades prácticas e talleres relacionados coas titulacións científico-técnicas ou científico-sociais da USC nos laboratorios e aulas dos centros e dos servizos xerais do Campus de Lugo, así como en centros e empresas colaboradores.
Polas tardes, e xa en grupos moi pequenos, realizaredes un proxecto científico-técnico ou científico-social dirixido por profesorado universitario e monitores científicos. Ademais, haberá unha xincana, unha charla divulgativa, unha festa de despedida, premios e algunha sorpresa máis!
A partir das 18:00 participaredes todos en actividades lúdicas organizadas polo programa Lumieira Acompaña.
Aloxamento
O fomento da convivencia, dentro e fóra das actividades científicas, constitúe un dos principais valores que se pretende impulsar dende o Campus e por iso, na edición deste ano, optarase por incluír o programa Lumieira Acompaña, con actividades de noite e aloxamento en residencias do Campus para todo o seu alumnado matriculado!
Dende a organización destácase que máis alá do fomento de vocacións científicas, XuvenCiencia conforma unha oportunidade única para que o alumnado coñeza e conviva con xente de toda Galicia e doutras partes do territorio español que nun futuro poden ser compañeiros de carreira. Asemade, o desenvolvemento persoal e a cooperación resultan aspectos fundamentais que dende XuvenCiencia pretenden reforzarse.
Prezo
160 € Campus de Verán XuvenCiencia cos programas de tarde e de noite Lumieira Acompaña e con aloxamento.
A matrícula inclúe a participación nas actividades do Campus, o programa de tarde e de noite Lumieira Acompaña, o material necesario para o Campus, o seguro, o xantar e almorzo de media mañá nun comedor universitario, e o diploma de participación da USC. Ademais inclúe a pensión completa desde o domingo 30 de xuño ao sábado 6 de xullo (6 noites de aloxamento con almorzo e cea), con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo.
Que hai que facer para participar?
O proceso de inscrición consta de tres pasos, cada un co seu formulario electrónico dispoñible na web: https://xuvenciencia.org/campus/gl/
1. Preinscrición: Asegúrate a túa posición na lista de inscrición. Admitiranse os primeiros 100 novos e 50 veteranos para o seguinte paso da matrícula.
2. Preferencias: Indica as tuás preferencias.
3. Matrícula: Se estás na lista de admitidos/as matricúlaste e realizas o pago.
Soamente a primeira parte conta para a túa posición na lista de inscrición, non a segunda! Envía o primeiro formulario de preinscrición canto antes. Ao envialo recibirás un correo de confirmación coa ligazón ao formulario de preferencias. Responde a este formulario con calma. Tes que enviar o primeiro e o segundo formulario antes das 24:00 h do domingo, 12 de maio.
Prazos:
- 3 de maio: a partir das 15:30 h ata o 12 de maio ás 24:00 h: Enche os formularios de preinscrición e das preferencias na web.
- 15 de maio: Publicación da primeira lista de admitidos/as e da lista de agarda na web.
- 15 de maio ata o 21 de maio 24:00 h: Matrícula, se estás na primeira lista de admitidos/as.
- 22 de maio: Publicación da segunda lista de admitidos/as na web co alumnado da lista de agarda.
- 22 de maio ata o 28 de maio 24:00: Matrícula se estás na segunda lista de admitidos/as.
- 29 de maio: Terceira e última lista de admitidos/as
Atento/a ás listas na web. NON enviaran notificación por correo electrónico.
Se non reciben a matrícula no prazo de cada lista de admisión chamarán ao/á seguinte da lista de espera.
Adxudicarán as prazas na orde da recepción da preinscrición e segundo as prazas dispoñibles para alumnado novo e veterano.
https://xuvenciencia.org/campus/gl/
Ningún comentario:
Publicar un comentario