A Consellería de Educación convoca a STEMweek, actividades formativas STEM en lingua inglesa, (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa e da competencia científico-tecnolóxica do alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria matriculado en centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.
O lugar onde se realizará esta actividade será o CRD da Coruña (Centro Residencial Docente, Burgo-Acea de Ama, s/n, Culleredo 15670), en réxime de internado de domingo ao sábado seguinte.
En cada quenda, o alumnado entrará o domingo entre as 18.00 e as 19.30 horas e sairá o sábado entre as 12.00 e as 13.30 horas. As familias ou titores legais dos menores serán os responsables de levar e recoller o alumnado ata o lugar de realización da actividade, e os gastos que isto ocasione serán a cargo deles. O resto das actividades será gratuíto para o alumnado adxudicatario das prazas ofertadas.
Requisitos:
a) Estar cursando 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria no réxime xeral, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2018/19, na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter superadas todas as materias no curso 2017/18. De ser adxudicada unha praza obxecto desta convocatoria a un alumno/a de 4º de ESO que non teña superadas todas as materias do curso 2018/19, deberá renunciar a ela.
c) Ter acadado no curso 2017/18 unha cualificación mínima de 6 na materia de Inglés.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario ED504G dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo para a presentación de solicitudes será desde o 30 de abril ao 30 de maio de 2019, ambos os dous incluídos.
Máis información no DOG do 24 de abril de 2019 e en www.edu.xunta.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario