martes, 22 de xaneiro de 2019

Axudas á mocidade para a compra de vivenda en concellos de menos de 5000 habitantes

Axudas á mocidade para a compra de vivenda en concellos de menos de 5000 habitantesO Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axuda á mocidade para a compra de vivenda en concellos de menos de 5000 habitantes
Requisitos das persoas beneficiarias
Mocidade entre 18 e 35 anos na data de presentación da solicitude e que reúnan os seguintes requisitos:
- Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.
- Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM*.
Este límite será de catro veces o IPREM* se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade.
O referido límite será de cinco veces o IPREM* cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
1. Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
2. Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
- Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de que a adquisición fora realizada con anterioridade á data da publicación da correspondente convocatoria.
- Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
- Non ser propietario/a dalgunha vivenda en territorio español.
Requisitos da vivenda
1. Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes.
2. Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 100.000 euros.
3. Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.
Contía das axudas
A contía da axuda para a adquisición será de ata 10.800 euros por vivenda, co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.
O formulario de solicitude están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal co código VI435A
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o o 31 de outubro de 2019.
Máis información no DOG do 11 de xaneiro de 2019 e en http://igvs.xunta.gal/web/igvs
*O valor do IPREM para 2019 está en 537,84 euros/mes

Ningún comentario:

Publicar un comentario