luns, 18 de febreiro de 2019

Iniciativa Xove 2019

Iniciativa Xove 2019
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca o programa Iniciativa Xove que consiste en axudas económicas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2019, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.
A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Áreas de atención prioritaria:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
c) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
d) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
e) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
f) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución, desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
g) Conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.
h) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
i) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
Destinatarios/as:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil.
b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións que as conforman.
Requisitos:
- As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
- Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.
- O incumprimento por parte de calquera das persoas membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a non admisión a trámite da solicitude.
- Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.
Proxectos:
Os proxectos deberán levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €.
Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019.
Neste enlace podedes ver proxectos subvencionados en edicións anteriores: http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove
prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 4 de marzo de 2019.
Solicitudes: https://sede.xunta.es co procedemento BS306B.
Máis información no DOG do 4 de febreiro de 2019 e en http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove

Iniciativas locais dirixidas á xuventude

Iniciativas locais dirixidas á xuventude
A Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca axudas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade.
Coas iniciativas locais dirixidas á mocidade tratarase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente na actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación:
a) Iniciativa local emprendedora: proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade dos mozos e mozas.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
c) Dinamización da información para a mocidade.
d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.
e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
f) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
g) Fomento da participación e o empoderamento das mulleres novas galegas.
h) Conservación e posta en valor do ambiente e do patrimonio cultural e natural.
i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
j) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019.
A contía máxima que se poderá solicitar será de 6.000 euros no caso das solicitudes individuais. Para as solicitudes conxuntas, a contía máxima da solicitude será de 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e de 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos.
As solicitudes deben tramitarse obrigatoriamente en https://sede.xunta.es co procedemento BS305E
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 1 de marzo de 2019.
Máis información no DOG do 1 de febreiro de 2019

Voluntarios/a para formar o Xurado Novo do Festival de Cinema e Dereitos Humanos de Donostia

Voluntarios/a para formar o Xurado Novo do Festival de Cinema e Dereitos Humanos de  Donostia
Aberto o prazo de inscrición para o Xurado Novo do Festival de Cinema e Dereitos Humanos de  Donostia.
Convoca o Concello de San Sebastián.
Destinatarios:  Mozos/a de 18 a 30 anos
Ao redor de 150 mozos de entre 18 e 30 anos compoñerán o Xurado Novo que elixirá o mellor curto do Concurso Internacional de Curtametraxes do 17º Festival de Cinema e Dereitos Humáns de San Sebastián, que se celebrará entre o 5 e o 12 de abril.
Prazo:  20 de marzo de 2019
Ao día seguinte realizarase un sorteo entre todas as persoas inscritas. O resultado publicarase nesa mesma páxina web. Como outros anos, formar parte do Xurado Novo dá dereito a obter créditos do Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación ( ECTS) para alumnado da  UPV/ EHU, Universidade de  Deusto e  Mondragon  Unibertsitatea (grao de Comunicación audiovisual). Así mesmo, entregaranse dous abonos para as sesións do Teatro Vitoria Eugenia da 30º Semana de Cinema Fantástico e de Terror de San Sebastián. O premio á mellor curtametraxe está dotado con 3.000 euros, e o xurado valorará as longametraxes segundo criterios de sensibilización sobre os dereitos humanos así como da súa calidade cinematográfica. Nesta edición, compiten curtos de temática social procedentes de diferentes países e festivais internacionais.Ademais das proxeccións organízanse diferentes coloquios, talleres e exposicións.

O "revenge porn", unha forma de ciberviolencia de xénero


A publicación na internet non consentida de imaxes íntimas coa única finalidade de facer dano supón unha forma de violencia machista exercida por homes contra as súas parellas ou exparellas.
Trátase dunha práctica moi estendida que afecta tamén a mulleres adolescentes e a mozas de cada vez menor idade. As vítimas deste delito sofren unha violación de dereitos tan vulnerables como a imaxe e a intimidade.
Por iso, con motivo da celebración do Día Europeo da Protección de Datos e a Privacidade, o Concello de Las Palmas de Gran Canaria,  Injuve, Twitter e Pantallas Amigas uniron forzas para deseñar unha campaña que se presenta como berro de repulsa contra a violencia de xénero na contorna dixital. A campaña componse dun vídeo de sensibilización animado de seis minutos de duración que se acompaña de dúas imaxes que sintetizan dúas claras mensaxes:
- “Que consentise que vos gravedes, non che dá dereito a compartir nunca esas imaxes, aínda que ti tamén as protagonices”.
- “Difundir imaxes íntimas da túa noiva ou ex sen o seu consentimento é unha forma de violencia de xénero e un delito moi grave”.
O material exposto para este proxecto realizouse tanto en castelán como en inglés para chegar ao maior público posible. Ademais, existe unha versión reducida do capítulo animado que permite a súa mellor adecuación ás diversas plataformas de difusión na internet.
A campaña pódese visitar nesta ligazón: www.respetoimagenesintimas.com

Cando hai que ir por primeira vez ao xinecólogo/a?

Cando hai que ir por primeira vez ao xinecólogo/a?

Artigo publicado no suplemento YES da Voz de Galicia do 2 de febreiro de 2019, nel Noa Tilve, psicóloga e coordinadora dos centros Quérote+ fala das charlas impartidas en centros educativos a adolescentes e das dúbidas e inquietudes expostas polos mozos e mozas que acuden a estas charlas.
Podes contactar cos centros Quérote+ a través de WhatsApp no 647 018 752

XII Certame de Poesía Concello de Mugardos

O Concello de Mugardos convoca o XII Certame de Poesía “Concello de Mugardos” 21 de marzo - Día da Poesía
Establécense tres categorías:
- ata 12 anos
- de 13 a 17 anos
- iguais ou maiores de 18 anos.
Cada concursante poderá presentar unha única poesía, que se axustará ás seguintes normas:
- O tema e libre.
- As poesías estarán escritas en galego, en formato DIN A4 por unha cara (extensión máxima), a dobre espazo, corpo de letra 14 e encabezada polo título.
- As poesías terán que ser orixinais, inéditas e non premiadas en calquera outro tipo de concurso.
Achegaranse dúas copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a, a categoria na que concursa e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a.
prazo de entrega das poesías estará aberto ata o 28 de febreiro.
Enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo:
IX CERTAME DE POESÍA CONCELLO DE MUGARDOS
Concellaría de Cultura do Concello de Mugardos
Avda. de Galicia 45
15620 Mugardos
A Coruña
premio consistirá nun bono para mercar libros:
100€, para a categoría de iguais ou maiores de 18 anos
60€, para a categoría de 13 a 17 anos, ambos inclusive
40€, para a categoría de ata 12 anos, inclusive
Máis información na OMIX de Mugardos, teléfono 981 470 338 e en http://www.concellodemugardos.gal/noticias/2019/01/23/xii-certame-poes-concello-mugardos-2019

Eustory 2019


Eustory é un concurso de historia para mocidade que ten como concepto básico “aprender investigando"
Requisitos
A participación está aberta aos alumnos nados ou residentes en España, Portugal e calquera estado do continente Americano, dos niveis equivalentes a 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato, FP regrada e  ESPA (estudantes de 14 a 21 anos de centros escolares non universitarios).
O traballo pode ser individual ou en grupo, sen existir límite de participantes nos traballos de grupo sempre que cursen nos niveis indicados anteriormente. Só se permite un traballo por grupo. Existe a posibilidade de que os traballos estean realizados por estudantes de máis dun país, así como a participación coordinada de centros escolares españois, portugueses e/ou americanos, creando equipos mixtos de traballo.
O traballo poderá estar tutorizado. Calquera persoa maior de idade que teña relación co tema e a investigación está capacitada para ser titor. O xurado constatará a intervención do titor, quen terá que describir o labor que realizou.
Tema do concurso: “Transición política”
As transicións políticas —que transformaron as regras e mecanismos de participación cidadá— tiveron lugar en moitos países a partir dos anos setenta do século pasado. Estes procesos transitaron desde réximes autoritarios ata as democracias actuais. Houbo cambios en valores e normas sociais, en institucións que xa existían e outras de nova creación e na organización económica da sociedade.
Como se viviu esta transición na túa contorna? Como afectou durante ese período na túa familia ou nalgunha persoa próxima? Hai algún acontecemento dese período sobre o que poidas investigar? Podes reflexionar sobre como evolucionou a memoria desa etapa nos últimos anos?
Seguramente terás acceso a algún museo, arquivo, hemeroteca, centro de interpretación, fontes bibliográficas, páxinas web, etc., que conserven recordos e axúdenche a obter información que nunca tiveches.
Entrevista aos protagonistas desta época, visita lugares que representen momentos clave destas transicións… investiga, descobre e enriquece a historia.
Para participar, é necesario completar o formulario de inscrición e enviar o teu proxecto á seguinte dirección: concurso@eustory.es
Formulario: http://eustory.es/como-participar
Prazo:  Os traballos teñen como data límite de presentación o 18 de agosto de 2019 ás 23 h59.
Formato
O formato de presentación é libre. Traballo escrito, presentación multimedia, desenvolvemento dunha páxina web, blogue, vídeo, audio, fotografía, obra de arte, texto dramatizado… Podes presentar o proxecto da forma que máis se adecue ao teu estilo.
Os traballos escritos poderán ter unha extensión máxima de 15.000 palabras. Os traballos audiovisuais non poderán superar os 30 minutos. O informe de procedemento debe ter 2.000 palabras como máximo. O informe do titor non debe superar as 500 palabras.
Premios
1 Primeiro premio de 2.500 € Alumnos - 1.250 € Titor
4 Segundos premios de 1.000 € Alumnos - 500 € Titor
5 Terceiros premios de 500 € Alumnos - 250 € Titor
10 Accésit de 200 € Alumnos - 100 € Titor
Ademais, a Fundación  Körber- Stiftung convoca anualmente aos finalistas do concurso para presentar as súas candidaturas para participar nos Campus de Historia.
Máis información: http://eustory.es/reglamento/